Navidade non, NADAL.

Achéganse as vacacións e ultimamente nas redes é frecuente ver a palabra ‘navidade‘ procedente de moitos galegofalantes. Pero este vocablo non existe no galego, xa que se trata dun hipergaleguismo. A forma correcta é ‘nadal‘.

PD: Boas festas a tod@s!

O termo nadal na RAG:

  • Festa que se celebra o vinte e cinco de decembro, na que se conmemora o nacemento de Xesús.

As panxoliñas do Nadal.

  • Datas próximas a esta festa.

Polo Nadal ten vacacións.

  • Decembro

Espero verte en Nadal.

 

Calendario mensual en galego

Boas! Hoxe traemos ao blogue algo distinto. Dende fai un tempo estivemos pensando que, como comezaba a ‘volta ao cole’, era boa idea elaborar un calendario mensual en galego, para todas aquelas persoas que o necesitasen para organizarse e que non o encontrasen en galego gratuítamente na rede. Aquí deixamos os primeiros meses de curso (aínda que como chegamos tarde coa idea xa evitamos facer Setembro e Outubro). Axiña poñeremos os seguintes.

Un saúdo!

novembro-2016

decembro-2016

xaneiro-2017

febreiro-2017

Plaia non, PRAIA

Nestos días de calor é frecuente que escoitemos o termo plaia a cada segundo, pero non debemos esquecer que este é un castelanismo adaptado a nosa lingua. Polo tanto, a palabra correcta sería praia.

catedrales

O termo praia na RAG:

Extensión de area ou pedra miúda, polo xeral plana, á beira do mar ou dun río.

No verán pasa o día tombado na praia.

Potro non, POLDRO

Moit@s son @s que se refiren á cría do cabalo como potro/a, sendo este un castelanismo, pois a palabra correcta no galego é POLDRO/A. Tamén se emprega este termo para nomear a determinados aparellos de ximnasia.

A definición da Real Academia Galega:

(1) Cabalo ou egua desde que nace ata que muda os dentes, o que ocorre arredor dos catro anos.

Levou a vender os poldros á feira.

(2) Aparello de ximnasia constituído por un prisma rectangular apoiado en catro patas, e utilizado para dar saltos ou facer exercicios sobre el.

Saltar o poldro.

Plumero non, PLUMEIRO

Este utensilio que se emprega para limpar o po nos nosos fogares, recibe o nome de PLUMEIRO na nosa lingua, e non plumero, pois este termo é un castelanismo. Do mesmo xeito, tamén se emprega esta palabra para cualificar ós adornos dalgúns sombreiros, tamén coñecidos comos penachos; ou para referirnos ós estoxos onde se gardan as plumas estilográficas.

As definicións da Real Academia Galega:

(1) Feixe de plumas fixadas a un mango, ou utensilio similar, que se utiliza para limpar o po.

Pásalles o plumeiro aos mobles.

(2) Conxunto de plumas que se usa como adorno nos sombreiros, nos cascos antigos, nos toucados etc.

Para a ocasión elixiu unha palmeira adornada cun plumeiro.

(3) Vaso ou caixa onde se colocan as plumas de escribir.

Trouxéronlle un plumeiro feito dunha madeira exótica.

 

Gafas non, LENTES ou ANTEOLLOS

Moit@s son @s que se refiren a este instrumento óptico como gafas, pero este é un castelanismo e a palabra correcta no galego é LENTES, aínda que tamén podemos empregar o termo ANTEOLLOS, pois os dous son sinónimos.

anteollos

A definición de LENTES (ou ANTEOLLOS) da Real Academia Galega (segunda entrada da palabra LENTE):

(2) Instrumento óptico composto por dúas lentes que se suxeitan ao nariz e ás orellas mediante unha montura e que serve para protexer a vista, corrixila ou ter unha mellor visión.

Ten que usar lentes para ver de cerca.

O oculista mandoulle pór anteollos.

Mueble non, MOBLE

A palabra mueble é un castelanismo bastante estendido entre a xente galegofalante e moitos ó intentar corrixilo, hipergaleguízano, chamándolle mobre, pero o termo correcto na nosa lingua é MOBLE. Podemos atopar como sinónimo na RAG móbel.

A definición da Real Academia Galega:

(1) [Ben, propiedade] que se pode transportar.

Os coches son bens mobles.

(1) Calquera dos obxectos cos que se equipa unha casa, un lugar de traballo etc., para facelo máis habitable ou para decoralo, e que teñen formas e tamaños diversos segundo os usos.

Os armarios, as camas, as cadeiras, as mesas etc., son mobles imprescindibles nunha casa.

MOBLE DE BAR

(1) Peza do mobiliario onde se gardan as botellas.

Fun ao moble bar coller unhas cervexas.

Cuna non, BERCE

Por influencia do castelán, moitas persoas adoitan referirse a este moble no que dormen @s meniñ@s como cuna sendo este, como vemos, un castelanismo, pois a palabra correcta na nosa lingua é BERCE. Moitas veces acostúmase nomear ós berces que se poden abanar como barrelo, rolo.

A definición de BERCE da Real Academia Galega:

(1) Cama de neno pequeno, que xeralmente se pode abanar.

Pon o neno no berce a ver se adormece.

(2) Lugar de orixe.

Escocia é o berce do whisky.

A definición de BARRELO ou ROLO da Real Academia Galega:

Cama para un neno pequeno, que se pode abanar con facilidade.

Arrola o barrelo a ver se dorme o cativo.